O salgueiro irto[1] (Salix fragilis), é un salgueiro semellante ao vimieiro (xénero Salix) nativo de Europa e do oeste de Asia que adoita medrar na beira dos regueiros e ríos.[2][3] En Galiza aparece na beiramar e zonas interiores sempre achegadas á costa. Tamén recibe o nome de bardagueira. En portugués recibe o nome de vimieiro branco.
Salgueiro irto no xardín botánico de Marburg, Hesse, Alemaña.
É unha árbore de medio a gran talle, deciduo, que medra axiña até acadar os 10–20 m (raramente máis de 29 m) de altura, e toro de 1 m de diámetro, coa copa larga, cónica, irregular, e até ladeada. Casca cinsento acastañada, grosamente fendada en exemplares vellos. Follas verde brillantes, 9–15cm × 1,5–3cm, marxes finamente serradas; comezando na primavera moi vilosas e ficando despois glabras. Flores producidas en candeas, cedo na primavera, polinizadas por insectos. Son dioicos, coas súas flores masculinas e femininas en árbores separadas; as masculinas de 4–6cm de longo, e as femininas igual, coas flores individuais cun ou dous nectarios.[2][3][4]
A variedade Salix fragilis var. decipiens (Hoffm.) K.Koch é máis miúda ca a tipo; case un arbusto, raramente excede os 5–7 m de altura, ademais as follas son completamente glabras de 9cm × 2–3cm. Segundo algúns botanistas sería outra especie (tratada coma Salix decipiens small>Hoffm.), e que S. fragilis sería considerada un híbrido entre Salix decipiens × Salix alba. Outros botanistas consideran a Salix decipiens coma un híbrido de Salix fragilis × Salix triandra.[2]
Ten boa capacidade de enraizar das poliñas caídas, que transitan polos regueiros, permitíndolle colonizar novas áreas. Adáptase particularmente ben a colonizar zonas que foran asolagadas.
O cultivarSalix fragilis 'Russelliana' (sin.S. fragilis var. russelliana (Sm.) Koch) é o clon máis común desta especie nas Illas Británicas, de moi doada propagación por esgallos. É unha árbore vizosa que pode acadar comunmente 20–25 m de altura, coas follas de 15cm de longo. É un clon feminino.[2]
Ten propiedades medicinais, empregándose para reumatismos, estados infecciosos, trastornos nerviosos, gripalleiras, catarros e arrefriados.