Richard Masters
| Nome orixinal | Richard Alan Masters. |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 5 de agosto de 1955. |
| País de nacionalidade | |
| Educación | Universidade de Iowa. |
| Actividade | |
| Ocupación | Deseñador gráfico; deseñador de medallas e moedas. |
| Empregador | Casa da Moeda dos Estados Unidos. Universidade de Wisconsin. |
| Familia | |
| Cónxuxe | MeeWha Alana Lee. |
| Premios | |
| Premio Audrey Love Memorial (2021). | |
Richard Alan Masters, nado en Sioux City, Iowa, o 5 de agosto de 1955, é un deseñador gráfico, artista e deseñador de medallas e moedas estadounidense.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Richard Masters, nado o 5 de agosto de 1955 en Sioux City, Iowa,[1] cursou estudos de Belas Artes na Escola de Arte e Historia da Arte da Universidade de Iowa, onde en 1990 acadou o seu mestrado en Deseño.[2][3][4]
Carreira artística e profesional
[editar | editar a fonte]Posteriormente trasladouse a Wisconsin, onde traballou como ilustrador independente no seu estudio RaM Studio & Gallery. Tamén exerceu a docencia de Deseño Gráfico na Universidade de Wisconsin-Oshkosh durante 19 anos, ata a súa xubilación como profesor emérito en 2015.[2][3]
Como creador, Masters traballa adoito con grafito ou lapis de cores, aínda que tamén utilizou outros medios. A súa obra descríbese habitualmente como meticulosamente detallada, cunha temática que abrangue desde escenas da natureza e representacións arquitectónicas ata os aspectos sombríos da vida urbana e as persoas sen fogar.[4]
As súas obras formaron parte de exposicións en todo o mundo,[2][4] e gañaron numerosos premios.[5][6]
En 2004, Masters foi un dos artistas escollidos para formar parte do Programa de Infusión Artística da Casa da Moeda dos Estados Unidos,[4] en condición de mestre deseñador. Este programa xuntou artistas con experiencia nas artes visuais para enriquecer e elevar o deseño de moedas estadounidenses.[7] A súa relación coa numismática xa existía desde antes, como coleccionista desde había moitos anos.[8] Os seus deseños presentados dentro deste programa foron seleccionados para máis de 30 moedas e medallas cuñadas pola US Mint.[1][2][9][10]
O seu primeiro deseño de moeda foi o anverso do cuarto de dólar da serie dos 50 estados correspondente ao estado de Nebraska, en 2006. Outro dos seus deseños, o do dólar de prata da Desegregación do Little Rock Central High School (2007), chegou a ser merecedor do Premio Moeda do Ano ao mellor evento contemporáneo en 2009.[2][11][12] E este éxito repetiuse coa moeda de ouro de 100 dólares American Liberty (2021), gañadora como mellor moeda de ouro na edición de 2023 do mesmo premio.[13]
Entre as series de moedas circulantes máis populares destacan os seus deseños para a moeda dun centavo Lincoln de 2009 e para as series do dólar Sacagawea (2011), do dólar presidencial (2016), dos cuartos de dólar America the Beautiful (2017, 2018, 2020) e do dólar American Innovation (2019, 2020).[2][9]
- Escolma de moedas deseñadas por Richard Masters
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Logo de se retirar da docencia en 2015, Masters pasou a residir en Nova York coa súa esposa, MeeWha Alana Lee, dedicada ás artes escénicas e que tamén foi profesora da Universidade de Wisconsin-Oshkosh.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Smith, P. (2025).
- 1 2 3 4 5 6 "Richard Masters, Designer. Artistic Infusion Program". United States Mint (Usmint.gov).
- 1 2 "Richard Masters". Theorg.com
- 1 2 3 4 "Richard A. Masters". Gallery Yonhee (Galleryyonhee.wixsite.com).
- ↑ "Connecticut Pastel Society award". Salmagundi.org
- ↑ "2007 Explore This! 4 Awards". Colored Pencil Society of America (CPSA.org).
- ↑ "Call for Artists". United States Mint (Usmint.gov).
- ↑ Byrd, B. (2008). "More than coining a phrase: Richard Masters is making cents with his art degree and circulating UI lessons among future designers". En Daily Iowan. 2 de outubro. Páxina 1.
- 1 2 "Richard Masters". Numista.com
- 1 2 Nyman, S. (2020). "UWO professor emeritus artist plenty inspired by NYC—pandemic and all". En UW Oshkosh Today. 7 de agosto.
- ↑ Giedroyc, R. (2023). "Little Rock Dollar a Coin of the Year Winner". En Numismatic News. 29 de abril.
- ↑ "Prof’s coin design wins international award". En UW Oshkosh Today. 10 de marzo de 2009.
- ↑ "Canada Dominates in COTY Category Wins". En Numismatic News. 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ "1 Cent "Lincoln Cent" Birth and Early Childhood"". Numista.com
- ↑ "¼ Dollar "Washington Quarter""". Numista.com
- ↑ "1 Dollar Little Rock Central High School Desegregation"". Numista.com
- ↑ "1 Dollar Ronald Reagan"". Numista.com
- ↑ "¼ Dollar "Washington Quarter" Effigy Mounds National Monument, Iowa"". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Smith, P. (2025). "Masters, Richard A.". En American Numismatic Biographies. Páxina 286.