ResearcherID é un sistema de identificación para a autoría científica. Thomson Reuters presentouno en xaneiro de 2008.
Este identificador único ten como obxectivo arranxar o problema de identificación de autoría. En literatura científica é común citar polo nome, apelidos e iniciais das persoas autoras dun artigo. Ás veces, con todo, hai persoas co mesmo nome, coas mesmas iniciais, ou ben erros na propia edición da revista o que leva a que haxa diferentes variantes escritas para unha mesma persoa ou persoas diferentes identificadas baixo a mesma forma escrita.
Na páxina de ResearcherID solicítaselles ás persoas autoras que liguen o seu identificador nos seus artigos. Deste xeito tamén poden manter actualizada e en liña a súa lista de publicacións e listar a produción total dunha persoa, xa que non toas as publicacións son indexadas por Web of Science. Isto é relevante para quen investiga en eidos onde se traballa predominantemente con artigos revisados por pares (informática ou ciencias naturais) ou en area centradas na publicación de monografías ecapítulos de libros (Humanidades e disciplinas das ciencias sociais).
O uso combinado do DOI co ResearcherID permite unha asociación única entre as persoas autoras e os artigos científicos. Pode usarse para ligar o persoal investigador con rexistros de ensaios clínicos ou para identificar colegas e colaboradores no mesmo campo de investigación.[1]
ResearcherID vén sendo criticado pola súa natureza comercial e propietaria, pero tamén enxalzado como "unha iniciativa que aborda o problema común de identificación errada de autoría".[2][3]
ResearcherID permite o intercambio de datos entre a súa base de datos e a de ORCID de xeito bidireccional.[4]