Pescanova foi fundada en 1960 en Vigo por Xosé Fernández López. Desde os seus inicios desenvolveu unha tecnoloxía avanzada para o proceso completo de manufacturación de peixe mediante o uso de grandes barcos conxeladores que procesaban e ultraconxelaban as capturas a bordo do propio barco. Esta innovación constituíu unha revolución no sector do peixe ultraconxelado, e permitiulle á empresa medrar grandemente e posicionarse como líder indiscutible do mercado nacional e internacional.
A mercadotecnia de Pescanova estivo sempre ligado a unha imaxe de marca moi familiar e que ofrece produtos de cualidade e confianza. Destacou a repercusión social do slogan O bo sabe ben aínda en uso, ou personaxes empregados en campañas publicitarias como "Rodolfo Langostino" (anos 80) ou o "Capitán Pescanova" (a finais dos 90). A comezos do século XXI abriu en Vigo o primeiro restaurante de comida rápida especializado en peixe.
Entre agosto de 2012 e febreiro de 2013, Alfonso Paz-Andrade, ex conselleiro delegado da entidade desfaise de 353 188 accións da empresa, quedando coma primeiros accionistas: Manuel Fernández de Sousa-Faro (14,426%), a Sociedad Anónima Damm (6,183%,; Luxempart (5,837%), Alqueire (5,050%), FBA-The Icelandic Investment Bank (5%) e Silicon Metals Holding (5%).[1]
O 1 de marzo de 2013 a empresa presentou un preconcurso de acredores ao non poder formalizar as súas contas de 2012 perante a Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV)[2]
O grupo Pescanova está formado por un conglomerado de empresas dedicadas á captura, procesado, elaboración e distribución de produtos do mar, precociñados, pratos preparados e ultraconxelados. Empresas do grupo Pescanova son Pescanova Alimentación, S.A. (comercialización dos produtos Pescanova), Friser (distribución de ultraconxelados a domicilio), Cofrío (produtos conxelados para grosistas), Frinova (elaboración de produtos fritidos ultraconxelados) e Caternova (cátering para restauración).