Monrovia é a capital e a cidade principal de Liberia. Situada na costa do Atlántico, no ano 2003 tiña 572.000 habitantes. A cidade foi denominada así en homaxe ao presidente nortamericano James Monroe, que gobernaba cando os libertos negros foron asentados no litoral africano occidental.
Gravado do enclave colonial de Cabo Mesurado, orixe da actual Monrovia
A área de Monrovia xa estaba habitada cando os portugueses a chamaron Cabo Mesurado, en 1560, mais a cidade non se fundou até o mes de abril do ano 1822, cando a illa de Providence (actualmente unida ao centro urbano por unha ponte) foi ocupada pola Sociedade Americana de Colonización (American Colonization Society),[1] como refuxio para escravos liberados nos Estados Unidos e mais nas Indias Occidentaisbritánicas, imitando o que xa fixeran os ingleses en Freetown a finais do século anterior. Inicialmente foi denominada Christopolis, mais en 1824 pasou a ser designada Monrovia na honra do entón presidente dos Estados Unidos, James Monroe.
A cidade ficou severamente danada durante a Guerra Civil liberiana. As batallas importantes libráronse entre as forzas gobernamentais de Samuel Doe e as dos rebeldes de Prince Johnson no ano 1990 e mais durante o asalto do Parlamento no 1992. A consecuencia da guerra, hai en Monrovia unha gran cantidade de rapaces e mozos abandonados.
Monrovia está situada nunha península entre o océano Atlántico e o río Mesurado; ao norte desemboca o río Saint Paul. É a urbe máis grande de Liberia, da que é o centro administrativo, económico, comercial e financeiro. A economía urbana gravita arredor do seu porto, que durante a segunda guerra mundial foi ampliado substancialmente polas forzas dos Estados Unidos.
A través do porto expórtase mineral de ferro e látex producidos no país; as súas instalacións comprenden tamén estaleiros. As industrias principais da cidade son cementeiras, refinamento de petróleo, alimentarias, materiais de construción (ladrillos, azulexos), mobiliario e produtos químicos.
Os principais sitios de interese son o Museo Nacional de Liberia, o Templo Masónico (actualmente en ruínas), o mercado de Waterside, o Centro Cultural e un bo número de praias. A cidade ten tamén un zoolóxico e un dos estadios deportivos máis grandes de África, con capacidade para acoller 40.000 persoas. É a sede da Universidade de Liberia e do Cuttington College and Divinity School.
Monrovia está conectada por mar con Greenville e Harper, cidades liberianas. O aeroporto máis achegado, o Aeroporto Internacional Roberts, está situado a 60km da cidade, en Robertsfield.