Ingolstadt é unha cidade independente de Baviera, Alemaña, a uns 70 km de Múnic. Ten 133,35km² e en decembro de 2014 tiña 131002 habitantes. Tamén é a sede da compañía automobilística Audi.
Charles de Gaulle e Mikhail Tukhachevsky estiveron detidos na fortaleza desta cidade durante a primeira guerra mundial. O entón capitán De Gaulle tentou a evasión até cinco veces, sen éxito, xa que o seu gran tamaño o facía demasiado visible, sendo liberado despois do armisticio. Mikhail Tukhachevsky, no quinto intento de fuga, logrou regresar a Rusia en outubro de 1917.
Posúe refinarías para o petróleo que chega polo río Danubio, industria automotriz (aquí atópase a sede de Audi) e fábricas de electrónica. Despois da segunda guerra mundial, Audi buscaba unha nova sede e decidiuse por esta cidade debido ás súas boas comunicacións. A súa proximidade con Múnic sitúa Ingolstadt nunha das rexións de maior importancia económica e industrial dentro da Unión Europea (UE).