Antístenes
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 445 a. C. Piraeus |
| Morte | 365 a. C. Atenas |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Filosofía |
| Ocupación | filósofo |
| Período | Período helenístico |
| Movemento | Cinismo |
| Profesores | Sócrates |
| Alumnos | Dióxenes de Sínope |
| Influencias | |
| Descrito pola fonte | Enciclopedia Leksikon Реальный словарь классических древностей по Любкеру The Nuttall Encyclopædia >>>:Antis′thenes |
Antístenes (444 a. C. — 365 a. C.) foi un filósofo grego, o fundador da escola cínica. Nado en Atenas de pais tracios, a súa condición de estranxeiro marcouno durante toda a súa vida. Estímase que gozou de boa posición económica durante a súa xuventude, e estudou retórica baixo Gorxias, Hipias e Pródico.
Desencantado da filosofía existente, perdeu a fe nela. Nesa situación fíxose discípulo de Sócrates. O seu entusiasmo pola disciplina socrática levouno a fundar unha escola no santuario e ximnasio de Cinosargo; o nome do lugar (probablemente de κύων ἀργός, kýon argós, "can áxil") é unha das probables orixes para o nome de cínicos (no grego κυνικός, kynikós, "semellante ao can"). Os seus discípulos contábanse sobre todo entre as clases populares, debido á simplicidade que predicaba. A súa vestimenta —capa e báculo— converteuse no uniforme da escola.
A doutrina de Antístenes é fragmentaria, aínda que Dióxenes Laercio informa que escribiu extensamente. Sábese que, como os eleáticos, negaba a realidade das calidades, posto que implicarían que un determinado ser é e non é o mesmo ó mesmo tempo. De Antístenes é a primeira definición conservada do enunciado como "aquilo que di o que algo é ou era" (Dióxenes Laercio VI, 3). Á súa vez, segundo o Crátilo de Platón, pódese apreciar outra ensinanza del, pola que "o que coñece o nome, coñece a cousa".
Escribiu pouco sobre ética, preferindo predicar o ascetismo e a simplicidade co exemplo. Defendeu unha teoloxía negativa, afirmando que o deus non é como as cousas, e nada do que poida dicirse delas pode afirmarse del. Aristóteles e Platón mostran pouco aprecio pola súa filosofía, afirmando que era incapaz de comprender as sutilezas da dialéctica.
Un dos seus discípulos foi Dióxenes.
| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Antístenes |
| A Galicitas posúe citas sobre: Antístenes |