Abraham Ortelius
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 14 de abril de 1527 Anveres |
| Morte | 28 de xuño de 1598 Anveres |
| Relixión | Igrexa católica |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Cartografía e xeografía |
| Lugar de traballo | Anveres |
| Ocupación | cartógrafo, arqueólogo, coloreador, editor, xeógrafo, historiador, gravador, deseñador de mapas |
| Xénero artístico | Mapa |
| Obra | |
Obras destacables
| |
| Descrito pola fonte | Enciclopedia Católica, (sec:Abraham Ortelius) Het Schilder-Boeck, (sec:T'leven van Henricus Goltzius, uytnemende Schilder, Plaet-snijder, en Glaes-schrijver, van Mulbracht., M260) Dictionary of National Biography |
Abraham Ortelius, tamén Ortelio, Orthellius, Wortels ou Ortels, (nado o 4 ou 14 de abril de 1527, finado o 28 de xuño de 1598) foi un cartógrafo, xeógrafo e cosmógrafo de Antuerpen nos Países Baixos españois (Flandres). É recoñecido como o creador do primeiro atlas moderno, titulado Theatrum Orbis Terrarum. Xunto con Gemma Frisius e Gerardus Mercator, Ortelius é xeralmente considerado un dos fundadores da escola neerlandesa de cartografía e xeografía. Foi unha figura notable da súa escola na súa idade dourada (aproximadamente no período 1570–1670) e un importante xeógrafo de España durante a idade dos descubrimentos. A publicación do seu atlas en 1570 adoita considerarse como o inicio oficial da idade dourada da cartografía neerlandesa. Foi a primeira persoa que propuxo que os continentes estiveran unidos antes de que se desprazasen derivando ás súas posicións actuais.[1]
Vida
[editar | editar a fonte]Abraham Ortelius naceu o 4 ou o 14 de abril de 1527 (non se sabe seguro) na cidade de Antuerpen, que formaba entón parte dos Países Baixos españois. A familia Ortels ou Wortels (latinizados como Ortelius ou Orthellius) procedía de Augsburg, unha cidade imperial libre do Sacro Imperio Romano Xermánico. O avó de Abraham, Willem Ortels, era farmacéutico. Trasladouse en 1460 a Antuerpen onde casou con Mathilde 's Jagers, alias Reynaerts. Tiveron cinco fillos: Imbert, que herdou a farmacia do seu pai, Anna, Odille (ou Ottilia de Odilia), que primeiro casou con Nicolaes van der Voorden, un mercador de Bruxelas, e, no seu segundo matrimonio, casou con Jacobus van Meteren de Breda, que era protestante e supervisaba a impresión de versións inglesas da Biblia en Inglaterra, Leonard (nacido en 1500 e pai de Abraham Ortelius) e Josef. Do seu segundo matrimonio con Maria Antheard naceu un fillo que chamaron Willem. A familia vivía na rúa Kipdorp de Antuepen e estaban nunha situación económica bastante boa. Leonard Ortelius casou con Anna Herwayers e tiveron tres fillos, Abraham, Anna que permanecería ao lado do seu irmán, e Elisabeth que casou cun comerciante chamado Jacob Cool Sr., cuxo fillo Jacob Cool Jr. (coñecido como Ortelianus) sería o herdeiro principal de Abraham Ortelius.[2]
Leonard Ortelius tivo unha boa educación. Falaba grego e latín, trabllou co seu irmán político Jacob van Meteren na tradución da Biblia inglesa de Miles Coverdale. En 1535 ambos foron perseguidos por posuíren libros sospeitosos. Porén, os investigadores finalmente non atoparon nada e o caso foi desestimado. Leonard Ortelius era un antigo comerciante de éxito. Despois da morte do seu pai, o tío de Abraham Ortelius Jacobus van Meteren volvara do seu exilio en Inglaterra para coidar del. Abraham permaneceu preto do seu curmán Emanuel van Meteren, que posteriormente se trasladaría a Londres.[3] En 1575 Abraham foi nomeado xeógrafo do rei de España, Filipe II, coa recomendación de Arias Montanus, que deu fe da súa ortodoxia.[4][5]
Viaxou moito por Europa e sábese especificamente que viaxou polos Países Baixos dos Habsburgo; polo sur, oeste, norte e leste de Alemaña (por exemplo en 1560, 1575–1576); Francia (1559–1560); Inglaterra e Irlanda (1576); e Italia (1578, e quizais dúas ou tres veces entre 1550 e 1558).[4]
Cando comezou a traballar como gravador de mapas, en 1547 entrou no gremio de San Lucas de Antuerpen como iluminador de mapas. Complementaba os seus ingresos comerciando con libros, impresións e mapas e as súas viaxes incluían visitas anuais á feira de impresores e libros de Frankfurt, onde coñeceu a Gerardus Mercator en 1554.[3] Porén, en 1560 cando viaxaba con Mercator a Trier, Lorena e Poitiers, parecía máis atraído, en gran parte pola influencia de Mercator, cara á carreira de xeógrafo científico.[4] Morreu en Antuerpen en 1598.
Publicación de mapas
[editar | editar a fonte]
En 1564 publicou o seu primeo mapa, “Nova Totius Terrarum Orbis Iuxta Neo Terricorum Traditiones Descripto”, un mapamundi mural de oito follas, no cal identificou a Regio Patalis como Locach como unha extensión cara ao norte de Terra Australis, que chegaba ata Nova Guinea.[3][6] (a única copia existente está agora na Biblioteca da Universidade de Basilea).[7] Tamén publicou un mapa de dúas follas de Exipto en 1565, un plano do castelo de Brittenburg na costa dos Países Baixos en 1568, un mapa de oito láminas de Asia en 1567, e un mapa de seis láminas de España antes da aparición do seu atlas.[4]
En Inglaterra os contactos de Ortelius incluían a William Camden, Richard Hakluyt, Thomas Penny, o polemista puritano William Charke e Humphrey Llwyd, quen contribuiría ao mapa de Inglaterra e Gales da edición de 1573 do Theatrum de Ortelius.[3]
En 1578 estableceu as bases do tratamento crítico da xeografía antiga no seu Synonymia geographica (saído do prelo de Plantin Press en Antuerpen[4] que republicou de forma ampliada como Thesaurus geographicus en 1587 e ampliado de novo en 1596; na última edición, Ortelius considera a posibilidade da deriva continental, unha hipótese que se demostraría correcta séculos despois).
En 1596 recibiu unha recompensa de Antuerpen, similar á que despois se outorgou a Peter Paul Rubens. A súa morte o 28 de xuño de 1598 e o seu enterro na igrexa da Abadía de San Miguel, Antuerpen, tivo lugar entre o sentido doo público.[4] A inscrición da lápida da súa tumba di así: Quietis cultor sine lite, uxore, prole ("serviu tranquilamente, sen acusación, esposa e fillos").[8]
Theatrum Orbis Terrarum
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Theatrum Orbis Terrarum.

O 20 de maio de 1570 Gilles Coppens de Diest en Antuerpen sacou do prelo o Theatrum Orbis Terrarum de Ortelius, o "primeiro atlas moderno" (de 53 mapas).[9][Nota 1] Apareceron tres edicións en latín desta obra (ademais das edicións en holandés, francés e alemán) antes do final de 1572; saíron 25 edicións antes da morte de Ortelius en 1598; e publicáronse varias máis despois, porque o atlas seguiu sendo demandado ata aproximadamente 1612. A maioría dos mapas era reproducións admitidas doutros autores (dáse unha lista de 87 autores no primeiro Theatrum feita polo propio Ortelius, que se acrecentou ata os 183 nomes na edición en latín de 1601), e había moitas discrepancias en delineación ou nomenclatura. Os erros, por suposto, abundaban, tanto nas concepcións xerais coma nos detalles; así inicialmente América do sur ten un perfil moi defectuoso, pero foi corrixido na edición en francés de 1587, e os Montes Grampianos de Escocia situábanse entre o Forth e o Clyde; pero, malia todo, tomado en conxunto, este atlas cos textos que o acompañaban era un monumento de erudición e industria pouco frecuentes. O seu precursor inmediato e prototipo era unha colección de 38 mapas das terras europeas e de Asia, África, Tartaria e Exipto, xuntados grazas á riqueza e emprendimento, e a través de axentes, do amigo e patrón de Ortelius, Gillis Hooftman (1521–1581),[11] lord de Cleydael e Aertselaar: a maioría deles foran impresos en Roma, só oito ou nove no sur dos Países Baixos.[4]

En 1573 Ortelius publicou dezasete mapas suplementarios co título Additamentum Theatri Orbis Terrarum.[4] Catro Additamenta máis apareceron despois, o último apareceu en 1597. Tamén tiña moito interese e fixo unha gran colección de moedas, medallas e antigüidades, e de todo isto resultou o libro (tamén en 1573, publicado por Philippe Galle de Antuerpen) Deorum dearumque capita ... ex Museo Ortelii ("Cabezas dos deuses e deusas... do Museo de Ortelius"); reimpreso en 1582, 1602, 1612, 1680, 1683 e, finalmente, en 1699, publicado por Gronovius, saíu o Thesaurus Graecarum Antiquitatum ("Tesouro das antigüidades gregas", vol. vii).[12]
O Theatrum Orbis Terrarum inspirou unha obra de seis volumes titulada Civitates orbis terrarum, editada por Georg Braun e ilustrada por Frans Hogenberg coa axuda do propio Ortelius, que visitou Inglaterra para ver o seu amigo John Dee en Mortlake en 1577,[13] e Braun conta que Ortelius poñía pedras nas gretas da igrexa do Temple de Bristol, que eran esnaquizadas pola vibración dos sinos.[14]
Últimos mapas
[editar | editar a fonte]
En 1579 Ortelius publicou o Nomenclator Ptolemaicus e iniciou o Parergon (unha serie de mapas que ilustraban a historia recente, sagrada e secular). Tamén publicou Itinerarium per nonnullas Galliae Belgicae partes (na imprenta Plantin en 1584, e reimprimiuno en 1630, 1661 impreso por Hegenitius, Itin. Frisio-Hoil., en 1667 por Verbiest, e finalmente en 1757 en Leuven), un rexistro dunha viaxe por Bélxica e Renania feito en 1575. En 1589 publicou Maris Pacifici, o primeiro mapa que se imprimiu dedicado ao océano Pacífico.[15] Entre os seus últimos traballos estaban unha edición de Caesar (C. I. Caesaris omnia quae extant, Leiden, Raphelingen, 1593), e o Aurei saeculi imago, sive Germanorum veterum vita, mores, ritus et religio. (Philippe Galle, Antuerpen, 1596). Tamén axudou a Welser na súa edición da Tabula Peutingeriana en 1598.[4]
En contra da crenza popular, Ortelius, que non tivo fillos, nunca viviu na Mercator-Orteliushuis (Kloosterstraat 11–17, Antuerpen), senón que viviu na casa da súa irmá (Kloosterstraat 33–35, Antuerpen).[16]
Uso moderno dos mapas
[editar | editar a fonte]Os mapas orixinais de Ortelius son obxectos de coleccionismo populares e véndense a miúdo por decenas de miles de dólares. Os facsímiles dos seus mapas están dispoñibles a través de moitos comerciantes. Un mapa que fixo de América do Norte e do Sur tamén está incluído no crebacabezas ou puzzle máis grande do mundo en venda, que é de catro mapamundis.[17] Este puzzle está feito por Ravensburger, mide 1,8 m × 2,7 m, e ten unhas 18.000 pezas.
Imaxinou a deriva continental
[editar | editar a fonte]Ortelius foi o primeiro en subliñar a semellanza xeométrica entre as costas de América e de Europa e África e de propoñer a deriva continental como explicación. Kious describe a idea de Ortelius deste xeito:[18]
Abraham Ortelius na súa obra Thesaurus Geographicus [...] suxeriu que América fora "arrancada de Europa e África [...] por terremotos e inundacións" e seguiu dicindo: "Os vestixios da ruptura son ben evidentes, se alguén saca un mapa do mundo e examina coidadosamente as costas dos tres [continentes]."
A proposta de Ortelius, a partir das súas observacións de xustaposición visual, da antiga proximidade continental, ruptura e separación pasou desapercibida ata o século XX. Porén, foi repetida nos séculos XVIII e XIX (por exemplo, Antonio Snider-Pellegrini) e posteriormente por Alfred Wegener, que publicou a súa hipótese da deriva continental en 1912 e nos anos seguintes.[19] Como as súas publicacións estaban facilmente dispoñibles en alemán e inglés e como aducían probas xeolóxicas e paleontolóxicas, Wegener é considerado polos xeólogos como o primeiro que recoñeceu a posibilidade da deriva continental.[20] Frank Bursley Taylor (en 1908) foi tamén un dos primeiros que avogaron pola deriva continental. Durante a década de 1960, probas xeofísicas e xeolóxicas da expansión do fondo oceánico desde as dorsais oceánicas convenceron á comunidade científica da mobilidade continental, e explicaron os seus posibles mecanismos. Tres séculos despois, a suposición de Ortelius da deriva continental foi finalmente vindicada.[21]
Obras
[editar | editar a fonte]
- Ortelius, Abraham (1603). Nomenclator ptolemaicus (en latín). Antuerpen: Robert Bruneau.
- Ortelius, Abraham (1609). Theatrum orbis terrarum (en latín). Antuerpen: Jean Baptiste Vrints.
- Abraham Ortelius, Theatrum Orbis Terrarum. Gedruckt zu Nuermberg durch Johann Koler Anno MDLXXII. Mit einer Einführung und Erläuterungen von Ute Schneider. Segunda edición inalterada (2. unveränd. Aufl). Darmstadt, Wissenschaftliche Buchgesellschaft, 2007.
Notas a rodapé
[editar | editar a fonte]- ↑ O primeiro traballo que contiña mapas de tamaño uniforme preparados sistematicamente, pensado para ser publicado nun libro, o que representaba o primeiro atlas moderno, foi De Summa totius Orbis (1524–26) feito polo cartógrafo italiano do século XVI Pietro Coppo. Non obstante, esta distinción concédese convencionalmente a Abraham Ortelius.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]


- ↑ Romm, James (3 de febreiro de 1994). "A New Forerunner for Continental Drift". Nature 367 (6462): 407–408. Bibcode:1994Natur.367..407R. doi:10.1038/367407a0.
- ↑ Wouter Dirk Verduyn, Emanuel van Meteren, The Hague, Martinus Nijhoff, 1926, pp. 4–5
- 1 2 3 4 Depuydt, Joost. "Ortelius, Abraham (1527–1598)". Oxford Dictionary of National Biography (online ed.). Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/20854. require subscrición
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9
- Este artigo contén textos da edición de 1911 da Encyclopædia Britannica, dispoñible sen restricións coñecidas de dereito de autor.
- ↑ Pedersen, Olaf (2008). "ORTELIUS (OR OERTEL), ABRAHAM". Complete Dictionary of Scientific Biography. Charles Scribner's Sons – vía Encyclopedia.com.
- ↑ Peter Barber, "Ortelius' great world map", National Library of Australia, Mapping our World: Terra Incognita to Australia, Canberra, National Library of Australia, 2013, p.95.
- ↑ cf. Bernoulli, Ein Karteninkunabelnband, Basle, 1905, p. 5. NOVA TOTIUS TERRARUM ORBIS IUXTA NEOTERICORUM TRADITIONES DESCRIPTIO and
- ↑

Todo ou parte deste artigo provén da Catholic Encyclopedia, publicada en 1913 e agora en dominio público. - ↑ "Map, Indiae Orientalis Insularumque Adjacentium Typus". Virtual Collection of Asian Masterpieces. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2024. Consultado o 20 de maio de 2019.
- ↑ Mercator, Gerardu; Karrow, Robert W. Jr. Atlas sive Cosmographicæ Meditationes de Fabrica Mundi et Fabricati Figura (PDF). Library of Congress. p. 2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016-03-10.
- ↑ Derde, Katrien. "Gillis Hooftman: Businessman and Patron". KU Leuven. Consultado o 2023-10-11.
- ↑ Broecke, M. P. R. van den; Krogt, P. C. J. van der; Meurer, Peter H. (1998). Abraham Ortelius and the first atlas: essays commemorating the quadricentennial of his death, 1598–1998. HES. p. 66. ISBN 9789061943884.
- ↑ French, Peter J. (2013). John Dee: The World of the Elizabethan Magus. Routledge. p. 62. ISBN 9781134572274.
- ↑ Chatterton, Thomas (1888). Thomas Chatterton and the Vicar of Temple Church, Bristol [A.D., 1768–1770]: The Poet's Account of the "Knightes Templaries Chyrche.". W. George's Sons. p. 11.
- ↑ Map Mogul – Antique Maps & Prints – Ortelius, Abraham SOLD Maris Pacifici
- ↑ "Het Mercator-Orteliushuis te Antwerpen". Arquivado dende o orixinal o 2016-03-04. Consultado o 2013-03-25.
- ↑ "JigsawGallery.com's World Map – The Worlds Largest Puzzle". Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2007. Consultado o 2009-05-21.
- ↑ Kious, W.J.; Tilling, R.I. (2001) [1996]. "Historical perspective". This Dynamic Earth: the Story of Plate Tectonics (Online ed.). U.S. Geological Survey. ISBN 0-16-048220-8. Consultado o 2008-01-29.; Ortelius, Thesaurus Geographicus (Antwerp, (Belgium): Officina Plantiniana [Plantin Press] 1596), entry: "Gadiricus"
- ↑ Wegener, Alfred (xullo de 1912); Wegener, Alfred (1966)
- ↑ McIntyre, Michael; Eilers, H. Peter; Mairs, John (1991). Physical geography. Nova York: Wiley. p. 273. ISBN 0-471-62017-3.
- ↑ "Historical perspective". This Dynamic Earth. USGS.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Binding, Paul (2003). Imagined Corners: exploring the world's first atlas. Londres: Review Books. ISBN 0747230404.
- Depuydt, Joost (2004). "Ortelius, Abraham (1527–1598)". Oxford Dictionary of National Biography (edición en liña). Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/20854.
- Génard, P. (1880). "La généalogie du géographe Abraham Ortelius". Bulletin de la Société royale de Géographie d'Anvers 5: 312–49.
- Hess, H. H. (1960). "Nature of great oceanic ridges". Preprints of the First International Oceanographic Congress (New York, August 31 – September 12, 1959. Washington: American Association for the Advancement of Science. (A). pp. 33–34.
- Hessels, J. H., ed. (1887). Abrahami Ortelii epistulae. Ecclesiae Londino-Batavae archivvm 1. Cambridge: C.J. Clay and Sons. (unha edición das crtas de Ortelius)
- Karrow, Robert J. Jr. (1993). Mapmakers of the Sixteenth Century and their Maps: bio-bibliographies of the cartographers of Abraham Ortelius, 1570. Chicago: Speculum Orbis Press. ISBN 0932757057.
- Koeman, C. (1964). The History of Abraham Ortelius and his Theatrum Orbis Terrarum. Lausanne: Sequoia.
- Rooses, Max (1880). "Ortelius et Plantin: note communiqué à M. P. Genard". Bulletin de la Société royale de géographie d'Anvers 5: 350–356.
- van den Broecke, Marcel (2011) [1996]. Ortelius Atlas Maps: an illustrated guide (2nd ed.). Houten: HeS & De Graaf. ISBN 9789061943808.
- van den Broecke, Marcel; van der Krogt, Peter; Meurer, Peter, eds. (1998). Abraham Ortelius and the First Atlas: essays commemorating the quadricentennial of his death, 1598–1998. Houten: HeS Publishers. ISBN 9789061943884.
- van Meteren, Emanuel (1670). Historia Belgica. Amsterdam.
- Wauwermans, H. E. (1895). Histoire de l'école cartographique belge et anversoise du XVe siècle 2. Brussels: Institute nationale de géographie. pp. 109–61, 452–59.
- Wauwermans, H. E. (1901). "Abraham Ortels ou Wortels, dit Ortelius, géographe et antiquaire". Biographie Nationale de Belgique 16. Brussels: Bruylant-Christophe & Cie. pp. 291–332.
- Wegener, Alfred (xullo de 1912). "Die Entstehung der Kontinente". Geologische Rundschau 3 (4): 276–92. Bibcode:1912GeoRu...3..276W. doi:10.1007/BF02202896.
- Wegener, Alfred (1966). The Origin of Continents and Oceans. Traducido por Biram, John. Nova York: Dover. ISBN 0-486-61708-4. (Traducido da 4ª edición alemana revisada.)
- Wehrenberg, Charles (2001) [1995]. Before New York. San Francisco: Solo Zone. ISBN 1-886163-16-2.
- Meganck, Tine Luk (2017). Erudite Eyes: friendship, art and erudition in the network of Abraham Ortelius (1527–1598). Boston: Brill. ISBN 978-9-004-34167-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abraham Ortelius |
